Thursday 02 de May de 2024

A intervención en maiores dependentes será o eixe central dun curso que terá lugar na Pobra do 20 ao 22 de outubro


A Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, organiza un curso de intervención en maiores dependentes destinado a persoas coidadoras e cidadanía en xeral. A concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), e a orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez, foron as encargadas de debulla-lo contido.

As clases impartiranse do 20 ao 22 de outubro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, na aula multiúsos da Casa da Mocidade, seguindo as medidas establecidas por mor da COVID-19. O programa estrutúrase en tres partes: coidados básicos na demencia tipo alzhéimer, na xornada do 20; mobilizacións e hixiene postural, no día 21; e prevención de úlceras por presión e sinais de alarma en alzhéimer, no día 22.

Os obxectivos principais desta acción formativa son adquirir coñecementos básicos e competencias sobre as cuestións xa referidas, así como aclarar dúbidas.

As persoas interesadas dispoñen dende o día 30 de setembro ata 6 de outubro para inscribirse a través do rexistro do Concello, tanto físico coma telemático, onde está á disposición o documento de solicitude. Tamén será preciso achegar copia do DNI. As prazas son limitadas e cubriranse pola orde de entrada. Pódese solicitar máis información mediante o teléfono de contacto 981377610.